|

Nasín cando as prantas nasen,
no mes das froles nasín,
nunha alborada mainiña,
nunha alborada de abril.
Por eso me chaman Rosa,
mais a do triste sorrir,
con espiñas para todos,
sin ningunha para ti.
Desque te quixen, ingrato,
todo acabou para min,
que eras ti para min todo,
miña groria e meu vivir.
¿ De qué, pois, te queixas, Mauro ?
¿ De qué, pois, te queixas, di,
cando sabes que morrera
por te contemplar felís ?
Duro cravo me encravaches
con ese teu maldesir,
con ese teu pedir tolo
que non sei qué quer de min,
pois dinche canto dar puden
avariciosa de ti.
O meu corasón che mando
Cunha chave para o abrir.
Nin eu teño máis que darche,
nin ti máis que me pedir.
Texto: Cantares Gallegos - Rosalía de Castro
Fotografía: Manuel Rodríguez
|